Orixes da raza. Inicio e evolución

Un fiel compañeiro

INTRODUCCIÓN

Seguindo os programas impulsados pola Unión Europea para poñer en valor a biodiversidade das diferentes agrupacións raciais dos animais domésticos, a Xunta de Galicia a través da  Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria (Dirección Xeneral da Produción Agropecuaria) decidiu facer unha prospección para determinar a realidade da situación étnica nativa da especie canina en Galicia, xa que se tiña constancia visual e por referencias orais así como tamén escritas, da existencia de catro tipos de cans (un de pastor e tres de caza), polo que ademais das sondaxes e as actuacións iniciais para pulsar a realidade existente, coa busca e localización dos primeiros exemplares, se planificou a extensión da devandita busca ás catro provincias galegas, coa colaboración dos veterinarios que realizaban as campañas de saneamento gandeiro, durante o desenvolvemento do seu traballo cotián a todo lárgoo do agro galego, recollendo as observacións sobre a presenza de posibles exemplares de can mediante a cumprimentación duns modelos de Fichas de Campo confeccionadas ad hoc, para cada posible animal que se asemellase ás características morfolóxicas das agrupacións raciais xa detectadas anteriormente, feito que contribuíu a complementar a busca inicialmente empezada e a detección en localizacións moi repartidas e extensas a todo lárgoo da xeografía de Galicia.

Un fiel compañeiro

Do filtrado inicial realizado, tras o estudo das devanditas fichas, realizouse unha segunda visita en todos aqueles animais que aparentemente encaixaban no modelo de busca, agora xa cunha observación máis pormenorizada e minuciosa, incluíndo as recensións e medicións zoométricas preceptivas de xeito moi detallada e exhaustivo, ademais do fotografado, para aqueles exemplares que se axustaban ao prototipo buscado. Estes cans desempeñaban diversas funcións, moi apreciadas polos seus donos, que os cruzaban segundo unhas determinadas características morfolóxicas que aseguraban a súa funcionalidade.

Como din o novelista e periodista galego Ramón Pernas

… nada hai máis galego que o Can de Palleiro. Un xenuíno can do país, o máis valente defensor do fogar e patrimonio, o noso entrañable paisano desterrado a durmir fóra da casa que garda e vixía, enviado a durmir o “palleiro” que agora está na súa denominación de orixe, no seu pedigree. O Can de Palleiro é unha das escasas divisas do corazón da nosa terra …

INFORMACIÓN

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR

Por iniciativa da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia, despois de recompilados os datos e sistematizados os resultados do traballo de campo, en novembro de 1999 presentouse no III Congreso da Sociedade Española para os recursos xenéticos animais e no “I Congreso Ibérico sobre os recursos xenéticos animais. Sociedades Española e Portuguesa para os Recursos Xenéticos Animais (SERGA e SPREGA)”, celebrado en Lugo; oPlan de recuperación das razas caninas autóctonas de Galicia (España)”. Onde se recolle toda a planificación, os carácteres fanerópticos a salientar, as medicións e índices zoométricos, o tratamento estatístico e a actuación e os pasos a seguir na súa recuperación. Este foi publicado na revista científica “Arquivos de Zootecnia”, vol. 50: 187-197. 2001.

Consecuencia do anterior apróbase oficialmente en Galicia a regulamentación específica do “Libro Xenealóxico da Raza Can de Palleiro e o seu Estándar Racial”, que figuran respectivamente como anexo I e II da ORDE do 26 de abril de 2001, pola que se fai público o Estándar Racial do Can de Palleiro e se crea o Libro Xenealóxico da raza (DOG Núm. 91 do 11 de maio de 2001).

Con posterioridade, na reunión do Comité de Razas de Gando de España (actualmente a Comisión Nacional de Coordinación), que tivo lugar o día 18 de xuño de 2001, foron propostas e admitidas cinco razas caninas, entre as que se encontraban as catro razas caninas autóctonas de Galicia (incluíndo o Can de Palleiro), que tras ser consultadas tamén as Comunidades Autónomas, o sector e outras entidades científicas en materia de etnozootecnia, foron incorporadas ao anexo do Real Decreto 558/2001, do 25 de maio, ao adquirir a consideración de razas caninas españolas, cunhas características e aptitudes determinadas (ORDE de 2 de agosto de 2001; polo que se “regula o recoñecemento oficial das organizacións ou asociacións de criadores de cans de razas puras” BOE núm. 193, de 13 agosto 2001).

Presentación da ponencia: “Primeiros pasos no deseño das probas de traballo das Razas Caninas Autóctonas de Galicia” no Congreso das Sociedades Española e Portuguesa para os Recursos Xenéticos Animais (SERGA e SPREGA), en Ponte de Lima, Portugal. 2001.

Edítase o libro “Razas Autóctonas de Galicia en Perigo de Extinción”. 2001. Servizo de Estudos e Publicacións da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural. Fernández Rodríguez, M., Rivero Cuesta, G., Alonso Troncoso, M., Rivero Martínez, C.J., Pose Neto, H., Justo Feijoo, J.R., Adán Belmonte, S., Díaz Rey, R., Rois Losada, D., Carril González-Barros, J.A.. Onde se recollen e describen pormenorizadamente as catro razas caninas autóctonas de Galicia, incluíndo o Can de Palleiro.

Auspiciado pola Administración Autonómica e aunando os intereses en recuperar e divulgar a Raza fúndase oficialmente o “Club da Raza CAN DE PALLEIRO” (CCP) o 2 de febreiro do 2002, como asociación sen ánimo de lucro, inscrita no Rexistro de Asociacións de España.

O 16 de Xulio de 2003 o CCP firma un convenio de colaboración coa empresa pública Xenética Fontao SA. Para os estudios xenéticos e determinacións de paternidade, con vistas a perfeccionar a mellora da raza.

CCP reconocido oficialmente pola Xunta de Galicia

Dende o 6 de febreiro de 2004 o CCP é recoñecido pola Xunta de Galicia como a única entidade colaboradora para a recuperación, mellora, selección, fomento, difusión e xestión do Libro Xenealógico da Raza Canina Autóctona “Can de Palleiro”.

O 25 de novembro de 2006, en Centro de Recursos Zoogenéticos de Galicia, no Pazo de Fontefiz, Coles – Ourense; a Consellaría do Medio Rural celebrou o Curso de formación “Xuíces das razas autóctonas de cans de Galicia”. Por proposta do CCP, a Administración recoñeceu a competencia de determinados xuíces, que dende entón son os autorizados para elaborar as valoracións e as confirmacións de raza dos cans que optan ao recoñecemento oficial como exemplares da raza Can de Palleiro.

O 2 de outubro de 2007 modificáronse os estatutos do CCP para dar maior protagonismo aos propietarios dos exemplares. O CCP está constituído por un Comité de Dirección, Socios fundadores, Socios numerarios (propietarios de exemplares da raza) e Colaboradores.

Publicación na “Guía de Campo das Razas Autóctonas Españolas”. Editado polo Ministerio de Medio e Medio Rural e Mariño. Goberno de España. 2009. Na páxina 524 descríbese a Raza CAN DE PALLEIRO como “autóctona en perigo de extinción”.

O 30 de abril de 2012 o CCP asinou co Concello de Narón (A Coruña) un convenio de colaboración, no que se inclúe o uso das instalacións do Parque Temático Integral de Desenvolvemento Rural ALDEANOVA en Sedes-Narón.

En xullo de 2012, na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo, da Universidade de Santiago de Compostela celebrouse o curso de verán “As razas de cans autóctonos de Galicia”, no que o CCP tivo unha destacada participación.

En maio de 2013, no Centro de Razas Equinas Autóctonas de Galicia, no Pazo de Quián, Sergude, Boqueixón – A Coruña; auspiciado pola Subdirección de Sanidade e Produción Animal, da Consellaría do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, celebrouse un curso teórico-práctico para a capacitación de Técnicos Calificadores da Raza Autóctona Galega “Can de Palleiro”.

O CCP forma parte de FEDERAPES (Federación de Razas Autóctonas Españolas) que vela pola biodiversidade dos animais domésticos de España.

FEDERACIÓN DE RAZAS AUTÓCTONAS ESPAÑOLAS

Actualmente a Administración é depositaria do Libro Xenealóxico que se nutre da documentación subministrada polo CCP: Valoración de exemplares de nova aparición. Notificación de camada de cruzamento en pureza racial. Declaración de nacementos. E confirmacións de raza de cachorros de camadas notificadas, ao alcanzar os dezaoito meses de idade.

Unha vez contrastada a información achegada polo CCP o Director do Centro de Recursos Zoogenéticos, por delegación do Subdirector Xeral, emite os pedigrees oficiais correspondentes, que envía a cada propietario.

A Comisión Reitora do Libro Xenealóxico está composta polo Subdirector Xeral de Gandaría, o Xefe de Servizo de Produción Animal, un veterinario deste servizo, un Técnico Calificador da raza nomeado pola Consellaría e o Presidente do CCP.

O Libro Xenealóxico, según acordo tomado pola Comisión Rectora, consta de tres rexistros:

  •  Rexistro Fundacional. Nel inscríbense os exemplares maiores de 18 meses que se axustan ao prototipo racial e superan a valoración de raza.
  •  Rexistro Auxiliar. No que se inscriben os cachorros nacidos de, polo menos, pais rexistrados.
  •  Rexistro Definitivo. Nel inscríbense os cachorros con pais, avós e bisavós rexistrados.

COMENTARIOS

As “razas animais” son unha “creación” do ser humano. No caso das autóctonas é a adaptación ao medio e a funcionalidade buscada, o que determina a selección dos exemplares máis apropiados. O “Can de Palleiro” non é unha raza “artificial” xerada a partir do cruzamento con outras razas xa existentes, como moitas das que se crearon no século pasado. Iso si, foi necesario definila sobre a base das características dos individuos estudados, seguir seleccionando os mellores exemplares pola súa funcionalidade e morfoloxía, cruzalos en pureza racial, rexeitando e eliminando as influencias doutras razas para recuperar e consolidar esta xoia do patrimonio natural.

Nas análises do Banco Global de Datos de Recursos Xenéticos de Animais da FAO, as razas son clasificadas en sete categorías: desaparecida, crítica, en perigo, crítica-mantida, en perigo-mantida, non en perigo e estado descoñecido. A clasificación está baseada no tamaño total da poboación, o número de femias reprodutoras e a tendencia da evolución do número de individuos (crecente, decrecente ou estable). Se unha raza está no límite de dúas categorías, considéranse outros factores, como o número de machos usados en IA (inseminación artificial), o número de dose de seme ou o número de embrións acumulados e o número de rabaños. Outro factor tomado en conta é a existencia dun programa de conservación.

Neste sentido, a raza “Can de Palleiro”, aínda non conta co número óptimo e desexable en canto ao seu censo (actualmente ten a consideración de “protección especial ou en perigo de extinción” no catálogo das razas españolas), e comparte características semellantes con outras razas do mesmo madeiro (” tipo lupoide”), algunhas definidas con anterioridade (que non máis antigas) e outras en proceso de estudo.

CCP realiza distintas actividades encaminadas á recuperación, conservación e mellora da raza

As actividades do CCP están encamiñadas á recuperación, conservación e mellora da raza Can de Palleiro. Consisten, ademais da localización, identificación e certificación de exemplares; en presenza en feiras, exposicións e eventos relacionados coas razas autóctonas. Participación en relatorios dos cursos universitarios e de divulgación. Destaca a realización de exposicións monográficas, nas que se reúnen un considerable número de exemplares e se aproveita para realizar demostracións das súas funcionalidades.

Ao non ter a consideración de raza produtiva, xa que actualmente en España ningunha raza canina está recoñecida ou considerada como “Raza Gandeira”; nin o “Can de Palleiro” nin o CCP reciben subvención ningunha. Non obstante, cóntase coa supervisión por parte da Administración e o ánimo dos representantes políticos de todas as tendencias e das diversas institucións locais, provinciais e autonómicas que nos honran coa súa presenza nos diferentes actos.

Cabe destacar o interese pola raza que mostran os medios de comunicación, privados e públicos, escritos e audiovisuais, nacionais e estranxeiros; solicitando a participación en entrevistas, reportaxes e películas.

En os últimos anos, conseguiuse un destacado incremento no número de exemplares (753 inscritos no Libro Xenealóxico, actualmente). A maioría son produto de cruces entre exemplares rexistrados no Libro Xenealóxico, asesorados polo CCP, que mantén permanentemente actualizados os datos dos cans para controlar a consanguinidade. E algúns son exemplares adultos de nova aparición que superan a valoración correspondiente.

A pesar dos importantes progresos alcanzados na recuperación da raza, aínda se considera en perigo de extinción. O CCP mantén os seus obxectivos fundacionais e polo momento decidiu non pertencer a ningunha sociedade cinológica nin participar en concursos nin exhibiciones.

Para conseguir exemplares de Can de Palleiro, pódese facer a través do CCP. O interesado cobre unha solicitude, especificando as características do can que desexa (idade, capa, sexo, etc.) e cando un criador comunica a dispoñibilidade de cachorros, o CCP comproba que a documentación está correcta e os pon en contacto. O CCP non intervén nas condicións económicas entre particulares.

CONCLUSIÓNS

De a Xunta de Galicia, foi de quen partiu e levou a cabo toda a iniciativa para a planificación, deseño e execución da investigación sobre as nosas razas caninas autóctonas a todo o longo do agro galego. Ademais das referencias bibliográficas escritas e orais con que se contaba, tratouse en primeiro lugar de pulsar a realidade existente directamente sobre o terreo, coa prospección, busca e localización de posibles exemplares caninos que polas súas características básicas fenotípicas e funcionais comúns, e debido á súa homoxeneidade puidesen constituír posibles agrupacións raciais obxecto de estudo e que xustificasen levar a cabo un Plan de Recuperación das Razas Caninas Autóctonas, constatando a existencia de catro tipos raciais caninos: O Can de Palleiro, o Guicho ou Quisquelo, o Podengo Galego (Podengo Galego) e o Perdigueiro Galego (Perdigueiro Galego). Con posterioridade e cando xa o recoñecemento oficial da raza estaba consolidado, constituíronse por iniciativa da Xunta de Galicia, os catro clubs de raza oficiales.

Este Club está aberto a todo tipo de achegas construtivas, en prol de continuar con este traballo que o tempo dirá se se conseguen os obxectivos planteados.

Confiamos e desexamos que todo o anteriormente exposto sirva para aclarar as dúbidas que puidesen xurdir e emendar erros e inexactitudes que, sen dúbida, se producen por ignorancia sobre a raza Can de Palleiro e descoñecemento sobre todo o labor realizado, o método seguido e o procedemento empregado na recuperación desta raza autóctona de Galicia por parte da < em>Xunta de Galicia. E actualmente co conseguinte respaldo ao Club Oficial da Raza “Can de Palleiro”, ao que tutela, vela, apoia, dirixe e motiva na recuperación, o fomento e a selección desta raza canina, xoia do patrimonio natural que se debe preservar.

Animamos a asociarse ao CCP, para así coñecer de primeira man o labor que se vén realizando e en que condicións.

 Juan Carlos Puente Hermida
 Ernesto Fernández Rodríguez

18/01/2015